8.1.08

CAPÍTULOS 22 E 23

CAPÍTULO 22
- A Cucú esa, principal sospeitosa?
- Déixame un pouco. Anda. Vou cansa.
- Pero, por que chegas a esa conclusión?
- Non hai conclusión. Só falei diso con ela. Pero nada máis. Pode ter razóns poderosas para desfacerse dela. Os do Talaso non acreditan que fora tan cordial a entrevista. En fin. Versións contradictorias. Quedan máis ca cabos soltos: queda unha cordelería enteira.
- Está bene. Logo, seguimos coma antes.
- Como antes non. Pero cala. E traeme algo. O provolone doutro día estaba bó. Faime un, por favor.
- Pero, se a Cucú non foi, quen puido ser? Xa sabes que eu sonche un xenovés moi lercho.
- Cucú puido ser. Xa che dixen que as súas verbas sobre a súa enemistade resolta non sonaron convincentes. Quería atraerme cara ela, para que desconfiara.
- Que revirada es, inspectora Cova!
- Si, un pouco. Pero para que ía empregar eses melindres se sabía que eu podería recear. É xogada boa.
- O que? Non parecer moi amiga, para non desatar sospeitas?
- En efecto. Esta aparente animadversión. Mesmo deume a impresión de que a morte de Carina lle importaba pouco. Aínda que ao tempo parecía afectada. Excesiva actuación.
- Pero o do marido foi certo, non é? Para que cho ía confesar?
- Tampouco foi para tanto. Non quería falar ao principio. Pero despois contou. Unha festa, un apretón místico. Ela, medio bébeda; el tamén. Ou medios bébedos todos.
- Unha orxía. Se o fago eu…
- Ti non saberías.
- Descoñeces o disimulo ligur.
- Non me digas. Disque non foi grande cousa.
- Si. Pero suficiente para rachar a relación.
- Si, para iso si. Eso desminte as palabras da filla, que sempre lle dá á Cucú certa ascendencia sobre a súa nai.
- Habería ser noutra época. Ti non lle preguntache polo de agora. Ademáis non tiña por que sabelo.
- Non sei. A declaración de Paloma non me cadrou moito. Estivo elocuente. Falou sen reparos ou alomenos rápido, como se saíran as verbas naturais. Se non dixo verdade, actuou divinamente. Pero dame a impresión de que agocha algo.
- Ti fuches mirar onda a empresa do Longinos?
- Fun. Pero fasme ou non a cea?
- Vou. Hoxe non hai Barolo. Fai un Nobile di Montepulciano.
- Ponme o nobile que queiras, pero ponme algo. Empezas a estar raiante.
- Se non fora por mín. E que che dixo o socio ese do Oliveira. Non fora aquel que foi en barco a América con el?
- Foi. Mingos Comesaña ou Cameselle. Non sei. Un apelido deses. Ti sabías que Carina quería desfacer a empresa?
- Desfacer? Que quere dicir iso: vendela?
- Non me deu tempo a averigualo. Era unha anguía o paisano. Estivo enoxado conmigo todo o tempo. Se Carina vendera, el había de comprarllo. Non vexo problema. Pero el falou de desfacer. Deixareino polo de agora.
- Ou sexa que nada. E os outros deudos? O mozo da pombiña?
- O Andrés? Falarei con el. Pero tampouco lle vexo grande cousa, a parte de parecer sospeitoso de calquera delicto.
- E o outro, aqueloutro estranxeiro estraño?
- O do enterro? Estou sobre a súa pista. En realidade, estou sobre a pista dos dous. Solicitei seguimento. Axiña hei ter os informes desas prendas. En calquera caso, non dou atopado móvil algún.
- Tes corpo con medalliña, cheo de area. Non tes móvil. Tes unha chea de sospeitosos sen sospeitas. En fin. Esquezamos un pouco. Voilà a copiña de Nobile. Rosso, rosso. Un brinde. In vino veritas.
- Os italianos sempre co latín.
- Como era aquilo que diciamos: in dubio pro reo. Pois, nesas estamos.
- Como chanceaba un meu amigo de Mieres, cando trataba de cortexar as mozas: in dubio morreo.

CAPÍTULO 23
- Señora Contrueces, aquí ten os informes que solicitou. Lago e Pazos fixeron o traballo.
- Moi agradecida. Mándalles un bico aos dous.
- Seguro que quererán que llelo dea vostede.
Covadonga aguantou a gracieta cun falso sorriso e dirixiuse ao despacho. Pechou a porta e sentou de espaldas a fiestra que daba ao xardín. Abriu o primeiro arquivo.
Andrés Aragunde. Nado en Castrelo, lugar de Cambados. Ano 1969. Fillo de Ricardo Aragunde e Felisa Abuín. Domicilio en Vigo, rúa Zamora, 220. Dirixe unha empresa de artes gráficas de nome Prelo Grelo. Posúe unha parte (30%) do capital da empresa. Pero ten participacións noutros negocios, de hostelería (pub La borreguita del tedio, na rúa Trafalgar) e de automoción, importación de berlinas de luxo, probablemente por libre. Véselle saír e entrar con frecuencia na nave industrial que Prelo Grelo ten en Puxeiros. Ten despacho alí, pero, segundo declaran os empregados, está pouco. Vai a diario, pero apenas permanece no traballo. Cando sae, vai camiño de O Porriño. Colle a estrada do Rebullón, vai cara o Aeroporto e baixa ata Mos. Xanta no Alfonso. A compañía é variable. Últimamente mírase cunha moza, que parece hispanoamericana. É socia súa no pub. Non vemos relación sentimental entre eles. Ás veces acude alí outra persoa que fala con el nun tono cariñoso. Nunca parece alterado. Á primeira hora da tarde volta pola nave de gráficas. Dá unha volta por alí. Fai algunhas chamadas. E volve marchar. Baixa pola vella de Ourense cara Carral. Para nun taller, enfrente do campo do Barreiro. Alí charla cos empregados. Amistosamente. Danse palmetadas nos ombreiros a cada paso. Case nin entra. Volta para atrás e colle a estrada antiga que vai de Carral ao aeroporto. O mércores aparcou no Hotel Mareporto. Unha muller loira estábao agardando. Subiron. Baixaron unha hora despois. Semella cita ocasional. Sae, a ultima hora, para chegar a Puxeiros de novo e baixa, despois de pechar todo, para o centro. O home vixiado entra na cervexería da Praza de Compostela. Alí fala con Paloma, a filla de Carina Mourela. Algunhas noites, despois de deixala na casa, entra no pub: sirve algunhas copas ata máis ou menos as tres da mañán. Regresa a casa sen compaña.
Pechou o arquivo de Andrés e abriu o outro.
Goran Bulicic. De procedencia serbia. Di chamarse Fiodor. Moitos cren que é ruso. O seu aspecto abunda nesa mesma idea. Leva en Vigo pouco tempo. Vive na Pensión Estrela, na rúa Irmandiños. Din, os que o tratan na pensión, que non fala moito. Que saben moi pouco del. Pasa o tempo paseando pola cidade. Gusta de camiñar polas rúas do barrio de Teis que están detrás de Sanjurjo Badía: a rúa de Santander, onde viven varios inmigrantes subsaharianos en casas baixas dunha soa planta. Chegou en tren dende Madrid. En Madrid pérdese a pista, pero parece que andivo en Viena con Paloma. Na época en que ela facía o Erasmus. Disto sabemos por Rui, un mozo que vive na rúa Colmeiro e que foi visitado por Bulicic. Rui estudia no Campus. Vive cunha tal Lourdes. Son parella. Estudan dereito económico. Foron compañeiros de Paloma en Viena. Lourdes asegurou que é un tipo raro. Pero non o coñece moi ben. Era Paloma o que máis o trataba. Ignora por completo que pode querer. O home vixiado le un libro que leva no peto cando se detén a descansar nun banco das Avenidas. Pasa o tempo no peirao do náutico vendo atracar os barcos. Non fala con ninguén. Estaba no enterro, pero perdemoslle a pista polo cemiterio. Interpol ten ficha del: antecedentes penais por roubo, maltrato e comportamento violento.

Nessun commento: