15.1.08

CAPÍTULO 29

CAPÍTULO 29
Na Pousada das Ánimas Perdidas había un feixe delas. E outras a piques de perderense. Entre todas, a aventureira de Martín Marqués, disposta á concederlle ao corpo que a acubillaba unha enteira reconstrucción. Tomara unha tortilliña na terraza do propio cuarto do Bahía ao serán, co propósito de alixeirar a inxesta de bruños e callos no palafito do Nisio nun xantar de despedida que unha Asociación de Amigos da Patagonia lle preparara. Ceara só, espreguizado no sofá, co prato sobre o peito e a ollada posta nas luces recén acesas na costa do Morrazo. A copa de viño descansaba no chan, a mán sempre para apurar con tento os cachos de tortilla. Sen dúbida, as clases de ioga favorecían eses intres zen que tanto lle gustaban.
A modorra deitouno sobre a cama durante unhas tres horas. Espertouno o fungar familiar do fragor fogoso no cuarto do lado e, sobre todo, do bater inconfundible da madeira contra a parede. Era imposible seguir a durmir e decidiu saír dar unha volta para recobrar o sono perdido. Saiu do hotel sen rumo fixo, ao pairo da intuición. Decidiu camiñar cara á dereita. Chegou ao semáforo e continuou a andaina pola avenida de Montero Ríos. As terrazas estaban case baleiras, iluminadas polas bombilliñas entre as ponlas das arbres que o concello non retirara dende nadal. Decidiu torcer outra vez á dereita. Debaixo dun toldo había luz e baixo a luz puido distinguir varias siluetas. Achegouse onda a porta e entrou tras saudar a un home que tomou por estatua colosal. Ao abrir a porta non distinguiu nada. Parou un pouco ata afacer a vista á escuridade e os oídos ao petar incesante da música. Arrimou á barra e pediu un gin tonic. E despois dun rato, outro. Non era o mellor local no que entrara, pero estábase ben, apegado á parede, nunha esquina da barra esculcando as maniobras dos clientes. Non estaba ata os topes, pero había xente: a suficiente para pasar desapercibido e poder examinar con tranquilidade o panorama. A paisaxe era amena, pero botaba en falta un pouco máis de airiño para levar a proa á pista. Pediu outro gin tonic por ver se enchía a vela. Aos poucos, baixou do poleiro onde sentaba e tomou a copa de pé, cuns pasiños de baile no chan. Non se moveu da barra, pero comezou a pechar os ollos para sentir mellor a calor do ritmo. Cando os abriu unha muller estaba diante del. Agardaba que a deixara acceder á máquina de cigarrillos. Deuse de conta, apartouse e botoulle unha ollada prolongada. A muller chamou polo camareiro por cambio e volcouse sobre a barra xusto enfrente. El quedou encollido entre a máquina, a barra, a parede e esa muller que pedía moedas. Ela mirouno acubillado na esquina e ofreceulle espazo. Martín Marqués presentouse, mentres extendía o brazo para saudala. Ela apretoulle a man e aproximou as meixelas como simulacro dun par de bicos. O camareiro trouxo o cambio. A muller introduciu as moedas e quitou o paquete. Martín Marqués louvoulle a técnica depurada de procurar o cancro. Ela sorriu con dificultade e, sen dicir nada, levantou a mán para se despedir. El convidouna. Ela rexeitou e foise camiñando entre a xente. El seguiu bailando coma se nada, co disimulo habitual do heroe. Pediu outro gin tonic. Empurrou o xeo para baixo co dedo. Lambeuno. Botou un grolo longo. Cando baixou o vaso, a muller voltaba estar alí, ao seu carón. Pousou o bolso sobre a barra e mirouno á cara.
- Onde está esa copa que me ías convidar?
- Camareiro!
- Moitas gracias.
- Por certo, como te chamas? Non mo dixeche antes.
- Chámome Carina.

Nessun commento: