31.12.07

CAPÍTULOS 16 E 17

CAPÍTULO 16
Longinos voltou ver a Carina no Savoy. Non por coincidencia, senón por teimosa pescuda. Carina adoitaba merendar a media tarde, soa, aqueles cruasáns de lixeiro sabor a anís e cristais de azúcar requeimado, coma unha homenaxe diaria á súa nai. Aproveitaba para ler o xornal e para mirar dende aqueles ventanais a xente que pasaba pola Ferreiría. Longinos sabíao e decidiu atoparse casualmente con ela. Para iso, entrou a primeira vez, mirou ao seu arredor simulando buscar alguén e saiu. E, ao momento, volveu entrar. Foi onda Carina e debuxou un medio sorriso e un hola, que hai de calculado galanteo.
A primeira cita foi ao día seguinte. Longinos invitouna a dar unha volta en coche ata a Lanzada. Quedaron na Peregrina. Longinos chegou puntual. Daban ás doce na igrexa cando parou o seu descapotable roxo, con asentos de coiro branco. Carina enrubesceu uns intres ao ver a Longinos amarrado ao volante, cos brazos alongados e as máns forradas con mitóns de pel. Aquela estampa xa a vira nas películas, mesmo cun pouco de halo flou, pero non agardaba que alí no medio da Pontevedra de toda a vida puidera aparecer aquela figura, a todas luces demasiado perfecta.
Durante o camiño, Longinos non parou de falar. A súa vida corría por aquela boca á mesma velocidade que aquel Ford de importación. Salteaba o relato con fugaces indicacións sobre os chalés que se construían ás beiras da estrada con vistas ao mar e sobre os propietarios daqueles chalés aos que el coñecía, por suposto, caseque dende a infancia. Carina deixaba que a narración fora desvelando algunha eiva daquel espíritu sen grallas. Pero non parecía doado, á vista da galanura daquela elocuencia sen fondo.
Chegaron á Lanzada, deron un paseo ao longo da praia, vestidos, cos zapatos nas máns, evitando de cando en vez o arrimo das ondas. Á volta da camiñata tomaron un vermú na terraza do Golfiño azul, cos ollos postos na capela e nas illas de Ons. O mar brilaba dun xeito especial e o vermú brilaba nos ollos de Longinos. Un ventiño mareiro aledaba a faciana de Carina, que pechaba os ollos para sentir o pracer que a invadía. Longinos acercou os beizos aos de Carina. Carina permaneceu inmóvil. Apretou os labios cun aceno de desaprobación. Longinos retirouse un intre, pero volveu tentalo. Carina medio abría a boca con recelo. A lingua de Longinos forzaba por entrar, pero o camiño non era doado. Ela colleu o vaso e tomou outro grolo. Mirou para el e despois fitou para o mar. Quedou un instante parada. Longinos remexeu na cadeira e chamou pola conta. Pagou e permaneceu calado durante un instante.
- Longinos, onde vas convidarme a xantar?
- Sei dun lugar no Grobe. Pero non sei se ha ser boa idea.
O sol quentaba. A sombriña non era suficiente. Carina ergueuse.
- Imos. Xa veremos se é ou non boa idea.
No traxecto ata o restaurante, foron calados. Carina miraba as garcetas e os cormoráns que levantaban o vó naquela baía de brilo cegador. Longinos guiaba coa mán na palanca de cambios, mentres o vento do mar lograba alterar as liñas do seu cabelo engominado. Pararon fronte á ponte da Toxa, na Pousada do Mar. Entraron. O camareiro recibiunos con amistoso protocolo e procuroulles unha mesa ao lado mesmo da fiestra. O local estaba decorado con detalles mariños: cunchas artelladas para formar figuras folclóricas, grabados de gamelas e dornas e un peixe espada disecado sobre un fondo de áncora e maroma. Pediron marisco para comer e tomaron un par de botellas de Ouso da Torre para acompañar. Conversaron, laretaron, riron. Longinos detivo os seus ollos nos ollos de Carina.
- Coñeces o Gran Hotel?

CAPÍTULO 17
A voda non podía ser noutro lugar: a capela das cunchas na Toxa. Tiña que ser. A miña nai sempre falaba diso. O meu pai calaba cando falaba diso, pero sorría. Sorría con aquel aceno tan seu. Non sei explicalo. Coma un pouco triste. Sen ganas. Pero a miña nai sempre lle gustara a Toxa para casar. Dicía que lle traía bós recordos. Non só porque alí se coñeceran. Ou eso dicía. Senón porque todos os amigos de Pontevedra casaran alí: Mariano, Alberto, Virita. Mesmo a Cucú, esa amiguita de mamá, casou alí. Para que vexa. Dende Coruña montou o tinglado. Á voda dos meus pais veu todo dios. Eu imaxino. Polas fotos. Claro que Pontevedra non é Vigo. Alí coñécense todos. Ou case todos. Teño aí o album, por se quere botarlle unha ollada. Este é o meu pai. Non é que se casara de branco e que sempre lle gustaba ir de branco. Eu recórdoo sempre así. Cunha camisa branca, un niki branco, unha americana branca ou ese xersei que se levou un tempo pero que o meu pai levaba de sempre, con franxas azuis e roxas polo pescozo, coma de xogador de tenis. Non viu Tal como éramos? A Robert Redford? Pois así. Máis ou menos. Meu pai non é coma el, pero, bo, aínda se lle daba un ar. A miña nai nas fotos sae cunha cara. Sempre cunha risotada na boca, claro que mira ti. Non se lle nota nada, verdade? Se mira esta foto, aínda se lle ve. Así de lado, nótase. Pero fíxese. Este é o que eu lle decía. O Mingos. O que foi co meu pai a Nova Iork. Alí o está. Veu para a voda. Ex profeso desde Arxentina. Volveu para alá, estivo alí uns anos e agora vive tamén aquí, en Vigo. Mira o que é o mundo. Os avós non foron. Os do meu pai, porque os da miña nai morreran. O avó só un mes antes. Case aprazan á voda. Pero claro. Imposible. Tamén quixera a miña nai ir de negro á voda. Hai cada cousa: así, o meu pai de branco e a miña nai de negro. Menos mal que Cucú. Non sei que terá con esa Cucú, pero faille caso. Pero, bueno, ao que ía. Os avós non foron. A avoa Dul non estaba para moitos trotes e, como o avó Santiago, que en paz descanse, era refractario á toda cerimonia relixiosa que non fora unha semana santa á sevillana, pois, aló quedaron. En Pontevedra. Mentres os demáis aí na voda, na capela esa das cunchas. E comeron no Hotel. Onde senón? A miña nai, xa lle digo, era devota. Lúa de mel, non houbo. Claro. Non recordo que fixeran viaxes. Meu pai, si. Varias veces. A Kenya, Arxentina, Venezuela. Cuba. Si, a Cuba. Unha vez. Fora cunha cousa do traballo. Unha viaxe organizada ou algo así polos concesionarios de Ford do Noroeste ou de toda España. Eu que sei. Gastos pagos. Viña eufórico. E claro tratou de convencer á miña nai para voltar con ela. TI. Todo incluido. Tiráballe A Habana ao meu pai. Pero non. A miña nai, nada. Claro que vivir en Nova Iork, coma meu pai, varios anos dache o seu aquel. Falaba pouco de Nova Iork. Contaba os primeiros días alí e o recordo do balbordo da rúa, sempre a fartar de xente. Eu bótoo de menos. Era moi agarimoso conmigo. Moi cariñoso. Miña nai. Non tanto. Non digo que non. Pero meu pai era distinto. Ás veces póñome a chorar. Vino morto, alí, sabe. Aínda parece que o vexo, esterricado pola escaleira da casa. Sen ar. Cos ollos abertos. Mirando para a lámpara de bágoas. Co albornoz branco medio aberto, case espido. Tapeino eu, un pouco. Pero deume por berrar. Aínda me escoito berrar. E chegara miña nai. Botárase enriba. Ela estaba abaixo no salón. Coa música un pouco alta. Non escoitara nada. Mireina saír do salón. Non podo. Perdoe. Que me estaba a preguntar, señora Inspectora?

29.12.07

CAPÍTULOS 13-15

CAPÍTULO 13
- E vós, que carallo vades facer?, espetoulles Cortegada.
Adelardo Cortegada seguía coma sempre. Non traballaba de lavador de fiestras de rañaceos, coma dixera a súa irmá. Nin siquera cando chegara, cunha man por riba da outra nos primeiros días. Tentárao no dos chóferes de carruaxes, que era patrimonio de irlandeses, porque un de Chapela, o Boss Chapel, entrara niso hai tempo. Andar polo Central Park, co frío que vai en inverno, aínda coa garabata e co sombreiro de fredastaire, non era destino moi seductor. Fora unha tarde, pero aquel cabalo atordaba de máis e non era quen de aturalo. Ao principio vivía polos peiraos do matadeiro, pero logo mudou de barrio por ver se mudando de paisaxe mudaba tamén de fortuna. Foi para o Upper West Side, unha zona case inhóspita, que comezaba ter vida interesante e instalouse no piso onde Longinos e Mingos o atoparan. Era de aluguer, pequerrecho, con cociña e baño nunha soa habitación.
Danny Chow, un chinés que rexentaba o restaurante de abaixo, era o dono do aluguer. Cortegada tiña xenreira polos chineses ata que coñeceu a Betty, a filla de Danny Chow. Ela era a muller máis fermosa que vira na súa vida. Namorou completamente dela e ela, ao cabo, del. Deixou atrás os seus prexuízos e pediu a Danny Chow se podía traballar do que fora no seu restaurante. Ao día seguinte, Cortegada comezou a exercer de lavapratos por horas, co fin de poder estar máis perto da súa namorada. O trato continuo leva ao roce e o roce ao coñecemento, sentenciaba Cortegada diante dos seus amigos, que preguntaban se Betty era a muller que os recibira á entrada. Non pagaba ben o chinés, pero merecía a pena pasar o día alí encerrado contemplando polo torno da cociña como Betty se ía acercando e como se ía alonxando a cada minuto mentres Cortegada limpaba a louza, escurría os tallaríns ou acarreaba os cubertos e os pauciños dun lado para o outro.
Adelardo Cortegada procurou para Mingos un job no Fairways, un supermarket perto da casa que parecía un almacén rebosante de mercancía. O job consistía en colocar e recolocar permanentemente a froita exhibida fóra da tenda que era sobada e resobada polos clientes. Atopoulle a Longinos, medio kilómetro máis arriba na avenida Amsterdam, un emprego ao ar libre tamén, cun cartel por diante e por detrás, no que se anunciaba unha lavandería baratísima que permitía facer cinco lavados rápidos (sen prelavado) por tres míseros dólares, xabrón aparte.
Alugaron un rocho no mesmo edificio de Danny Chow. As fiestras daban para un patio traseiro, cheo de depósitos de auga e tuberías enferruxadas. Non pasaban frío e eso era o importante, aínda que tiñan a teima de apagar a calefacción polo día e o do terceiro, un brutamontes, subía de cando en vez para chamarlles a atención polo balbordo que facían co tocadiscos.
Co tempo, Longinos e Mingos melloraron de posición. Mingos conseguiu traballar dentro do supermercado para seguir a repoñer froita e, pouco despois, acadou unha privilexiada situación cando comezou a colocar frascos e botes de conserva. Longinos mudou o seu estatus gracias ás inxeniosas iniciativas que celebraban os seus xefes, como a de vestirse de toureiro ou de paiaso para persuadir aos paseantes. Gustaban de pasar o tempo (escaso) que tiñan libre sen saír da mesma rúa: dende o río Hudson ata Central Park e volta. Ás veces dábanse unha pequena homenaxe e entraban no Gray’s Papaya a comeren o hotdog doble con zumo de cores para durmir encebolados toda a noite. Ámbolos dous viron, moi axiña, cumpridos os seus soños de traballaren en América: estaba claro que naquel intre atopábanse no cumio de toda a súa fortuna.

CAPÍTULO 14
Carina Mourela voltou para Pontevedra. A esmorga compostelá rematara. Cucú levou para Coruña o seu doutorciño petinés para que exercera de dentista en Juana de Vega. Carina atopou estrañas as rúas de Santiago e alleo xa o camiño á Facultade e decidiu, co concurso da fartura do seu pai, canso de vela rascar o bandullo, voltar para casa.
Nos primeiros días, pasaba o tempo no seu piso da rúa da Amargura. Procuraba axudar algo nos labores, porque a súa nai non andaba moi ben de saúde e porque, por puntual declive económico, prescindiran da criada que levaba con eles case toda a vida. O pai tiña unha modesta ferretería na praza de Méndez Núñez. Non marchaban ben as cousas, aínda que podían tirar coas rendas, un pouco minguadas, que o pai atesouraba de forma case avara. Ao caír da tarde, Carina saía dar un pequeno paseo polas ruelas perto da súa casa. Adoitaba chegar ata a praza da Verdura onde sentaba un rato, coa confianza de atopar os amigos de sempre. Debatíase entre o natural impulso (exercitado en Compostela) á troula e a situación inestable na súa casa que freaba ese espíritu. Nese debate, por veces, gañaban o desexo de escapar do tedio e, sobre todo, a inercia de perpetuar a xuventude.
A súa nai foi empeorando e foron espaciándose os días de folixa. Saía só os fins de semana, cando o pai podía facerse cargo do seu cuidado. Saía coa mesma ledicía, lonxe, coma sempre, de calquera signo de mala conciencia. Chegaba ás veces tarde á noite. Un pouco bébeda, tamén ás veces. Pero sempre sorrinte, coma nun carrusel do que nunca quixera apearse.
A nai morreu moi axiña. O pai, afeito á dozura da súa muller, sentiu a ausencia. Continuaba a traballar na tenda, cun pouso de tristura que contaminaba os seus acenos. Carina propúxolle axudalo, pero o pai desbotou calquera apoio. Carina reparaba na preocupación paterna, pero apenas facía algo para aliviala. Adoitaba quedar no Carabela polas tardes cuns amigos que coñecera en Santiago. Arrimábanse á fiestra e contemplaban o espectáculo da praza da Ferreiría, ao tempo que se sabían contemplados polas xentes que daban voltas, sen rumbo definido, polos soportais, os xardíns ou as rúas próximas. Un certo ar de rutina movía esas horas, pero cando se facía de noite, acostumaban visitar algunhas tabernas da rúa Laranxo ata ben tarde, cunha conversa insulsa que acompañaba as cheas cotiáns.
Carina era muller recoñecida pola súa beleza. Pero tamén polo teimoso desdén polos homes que a admiraban. Procuraba despoxalos de toda esperanza cunha ollada que remataba nun punto imaxinario do horizonte. Apenas miraba para eles e cando, por unha vontade afiada, decidía botarlles un vistazo, entretíñase cambiando a cada paso os seus nomes ou desculpándose pola falta de atención. Parecía molesta da súa capacidade seductora e tentaba evitar a posibilidade de deixarse recrear coas verbas amables do galán de turno. En ocasións, Carina e os seus amigos derivaban os seus pasos cara o Casino. Alí agardaban que pasara o tempo, sen máis disimulo que o de arrincaren sorrisos falsos ou usurparen á soedade uns minutos inútis.
Unha noite, sentaron ao fondo do salón noble, mentres soaban ecos de Tony Ronald. Entrou un pouco máis tarde outra pandilla, toda de homes, con gabáns lucidos e esmoquíns recén pranchados. Carina mirounos ben e preguntou:
- Quen é aquel de garabata branca? O do pelo repeiteado?
- O do pelo repeiteado?
- Si, aquel que senta ao lado da fiestra.
- O de alá é Oliveira. O fillo de Santiago Oliveira, o americano. Longinos Oliveira.

CAPÍTULO 15
Ao cabo duns meses, Mingos conseguiu saltar un par de chanzos na xerarquía do Fairways e convertirse en controlador da cola da caixa. Situábase a carón das caixeiras e berraba next cunha enerxía intimidatoria aos clientes, que deixaban, por medo, de mercaren as últimas cousas para pagaren de inmediato. Longinos colgou os hábitos de anunciante acartonado por unha ocupación semellante, un chisco máis cómoda: tiña que pasear por todo Manhattan anunciando un Ford Falcon Futura descapotable, vermello, cos neumáticos brancos. Non vestía de toureiro, pero tiña que ir adornado cun terno branco, un panamá branco e, a ser posible, unha dentadura branca. Longinos sentíase o rei do universo, aínda que papaba máis frío que ningún outro no estado de Nova Iork.
Mingos, despois da súa etapa de fustigador de caixeiras, entrou na lavandería do Chelsea Hotel, pero cando mirou para aqueles lenzos, algúns con cousas que non se poden contar, decidiu deixalo. Aquel hotel ou estaba maldito ou ía estalo, porque vivir como vivía aquela xente era de tolos. Traballou, pouco despois, servindo copas na Bleecker Street, por aquelas terrazas cheas de xente que viña probar fortuna. Díxolles a Longinos e a Cortegada que estivera cun tal Bob Dylan no Gaslight. A eles o Bob Dylan non lles soaba de nada, pero mirábano aparvados. Aprendeu tocar a harmónica por aqueles tempos e acostumou deixarse caír por Washington Square para fumar e ver xogar axedrez sobre mesas de pedra ao ar libre. Aquel tempo era feliz. Vivía con Suze, unha medio italiana de cabelos loiros despeiteados, que gustaba de dormir nunha california que deixaba aparcada na rúa cuarta, perto do cruce coa segunda avenida. A Mingos non lle importaba pasar a noite naquela morna compaña.
Longinos fixo paseniño carreira no concesionario. Deixou de dar voltas por Manhattan e procurou acubillarse na oficina de Riverside Drive. Entrou na sección de ventas e ao pouco tempo logrou a marca de empregado do ano, o chanzo anterior á definitiva colocación como director da sucursal. Deixara a casa do faiado da 72, esquecera mesmo a Cortegada que casara co tempo con Betty a chinesa, e mercou un apartamento na 86, con vistas ao río Hudson.
Para Mingos o choio no bar acabou mal. Moi mal. Voltou buscar outro traballo. Recorreu algúns cafés máis da zona, pero desesperaba aos poucos días. Suze, ademáis, encaprichárase dun bohemio máis desvalido ca el e deixouno dun día para outro. O sexo libre é así, dicíalles a Cortegada e a Longinos, entre risas e bágoas, no mostrador do aeroporto de Nova Jersey, mentres facturaba a mesma maleta que trouxera de Galicia, rumbo á Arxentina.
As cousas para Longinos non podían ir mellor. E, sen embargo, foron a mellor. O xefe da concesionaria, un home de rectitude ondulante, aparecera afogado cunha corda ao pescozo pendurada da ponte de madeira que cruza o lago de Central Park. A policía investigou o asunto e deu o caso por suicidio evidente. O caso permitiu a Longinos facerse coa concesionaria en moi pouco tempo.
Unha noite, cando Longinos Oliveira saía do Carlyle, con Liza Bel e Kent Dallas, un automóvil parou á súa beira. Un home baixou a ventaniña. Mirou para Longinos e trazou co dedo índice unha liña imaxinaria arredor do pescozo. Subiu a ventaniña e arrancou de súpeto. Á mañán seguinte, Longinos recolleu os cartos que gardaba na viga e non foi traballar á concesionaria. En realidade, non volveu traballar. Colleu o primeiro avión e deixou a cidade dos rañaceos para sempre.

20.12.07

CAPÍTULOS 10-12

CAPÍTULO 10
Ao saír do peirao Longinos e Mingos enfiaron rápidamente as rúas da cidade. Coma foraxidos. Miraron para o rótulo da esquina: Fulton Street. Decidiron emprender por aquela rúa de adoquíns a percura da dirección que levaban no peto do abrigo: “Adelardo Cortegada. W72nd street. Esquina Broadway. Enfrente dunha tenda que se chama Sleepy”. Derállela Aida, a irmá do Adelardo, amigo deles da infancia que marchara un ano antes. Traballaba, segundo dicía a súa irmá, na limpeza de fiestras a grande altura. Ela tamén comentaba que faenar nos barcos dá un pulo temerario que favorece eses oficios. Bregar co vento pendurado a cen metros é cousa de valentes. Ían comentando esas palabras entre eles, mentres camiñaban coa ollada posta nos derradeiros pisos daquelas torres, especialmente nos tellados en forma de pirámides brilantes que se erguían orgullosos sobre o cemento. Demoraban a vista nas efixies fantásticas coas que remataban os aleiros e trataban de contar por entreterse os andares daqueles edificios, pero perdíanse sempre no cómputo.
Cando levaban uns cinco minutos andando deron cunha entrada de metro. Non se atreveron a entrar, pero consultaron un mapa que estaba fóra. Axiña atoparon a avenida Broadway. Non estaban moi lonxe dela, pero non era moi doado atopar o número 72. Cando finalmente deron co cruce, souberon que quizá ficaba demasiado lonxe. Non tiñan presa, pero as maletas pesaban un pouco e precisaban un pouco de descanso. Continuaron un pouco máis pola mesma rúa ata chegar á avenida. Aparecía diante dos seus ollos a pequena torre dunha igrexa, rodeada dun descuidado xardín, en medio dos edificios xigantescos. Abriron a cancela e entraron paseniño no adro de catro columnas. As portas estaban fechadas, pero decidiron sentarse nos escalóns da entrada do templo.
Alí permaneceron un cacho, un pouco aturdidos, cansos da viaxe, medio durmidos. Cando espertaron do breve soño, atoparon que as súas maletas desapareceran. Buscaron por todos os lados. Deron a volta á igrexa; entraron por unha porta lateral e deron coa sacristía. Alí estaban dous homes falando quedo. Cando os descubriron, preguntaron nun inglés que descoñecían, quen eran. Longinos e Mingos miráronse e murmuraron “as maletas, roubaronnos as maletas”. Un dos homes comezou a falarlles na súa lingua, con sotaque estraño. Preocupouse por eles, deulles un pouco de comer e chamou a un taxi para que os levaran á dirección comprometida.
Fixeron o recorrido en taxi en completo silencio. Cada quen mirando para o seu lado da ventaniña, sen deciren nin unha soa palabra. Cando baixaron do coche, viron exactamente o enorme letreiro que poñía o papel. E buscaron o número na mesma rúa. Cruzaron en medio dunha chea de xente a beirarrúa. O cheiro á quentura doce percorría todo o traxecto. Pasaron diante da parada de metro e chegaron ao outro lado, tropezando cunha turba de persoas que velozmente adiantaban os seus pasos. Diante dun kiosko, voltaron mirar o número do portal: 142. A beirarrúa era esa. Seguiron un pequeno treito e chegaron onda un restaurante chinés. Na porta do lado aparecía o número. Chamaron polo chitófono a varias casas. Ninguén respostaba. Entraron no restaurante. Era cedo e aínda estaban colocando as mesas. Do final do local, saiu unha muller con paso lento. Longinos e Mingos extenderon o papel, sen mediaren verba algunha, para que lera. A muller, de ollos mouros e beizos breves, colleuno e botou un lene sorriso.
-Si. Cotegada traballa quí.

CAPITULO 11
- Pereiró estaba cheo. Ata os topes.
- Logo a Carina Mourela era persoa coñecida?
- Home, depende do que lle chames ti coñecida? Para a xente que vín, eu creo que había un pouco de morbo de máis.
- Xornalistas?
- Os de sempre e algún máis. Fotógrafos, algunha cámara de televisión.
- Estaba a filla?
- Estaba, pero non puiden achegarme onda ela. Vina pasar do brazo dun home alto, medio longueirón.
- Ti sempre. Víaselle afectada?.
- Como ía estar.
- Non sei. Coma me dixeches aquilo de que non se levaban moi alá.
- Bo, si. Pero unha nai sempre é unha nai. Ademáis quen non se leva ben coa familia?
- Ma, aquela veciña, que che dixera?
- Non debía telo contado. Non lle dou maior importancia. As veciñas tenden, por un afán de protagonismo, a esaxerar moito. E lembra que esa mesma veciña saiu polo televexo afirmando o contrario, que era unha grande señora e que a súa filla era moi boíña con ela, que a cuidaba moito, sobre todo, despois de que o seu pai morrera de repente. E todo iso.
- Si, pero a ti que che dixo?
- A mín? Que as cousas andaban reviradas. Oíraas discutir algunha vez. Que a filla andaba en compañas non moi santas ou que pasaba moito tempo fóra. Que ela mesmo se lle queixara de que non viña moito por alí. Que pasaba moito tempo sola.
- Pero cómo podía escoitalas discutir se a muller, non dicías?, vivía no primeiro andar e elas vivían no cuarto?
- Pois iso.
- Pero o das compañas non santas, tampouco era certo?
- A non ser que lle chame mala compaña ao ghicho ese de meleniña e cardigán ao lombo que a acompaña e bica nela. A mín paréceme cretino, pero non diría eu que unha persoa puidera chamalo mala compaña.
- Pasar tempo fóra, si, eso si.
- Pero, a ver se vai ser que andivo todo un ano de Erasmus en Viena. E claro non vai estar aquí coa nai.
- Supoño, Covi. Pero as queixas de que estaba sola?
- Quen non se queixa diso algunha vez? Non o fas ti?
- Fago eu iso?
- Si que o fas. E poste un pouco repunante de máis. Je, je.
- Primeira noticia. Pero sono disposto a repetilo se ves por aquí máis veces.
- Pero se vin onte.
- Certo.
- Ha ser que non estou contigo sempre.
- Si, pero sabes ben como somos os pizzaiolos cando non temos masa entre as máns. No meu caso, na mán.
- Xa estás coas mesmas. Que tes hoxe para cear?
- Hai fame? Os enterros danche fame?
- Os enterros non, pero os cadaleitos levados a ombreiros ábrenme o apetito.
- Vade retro. Pero quedache ata o finale?
- Pois claro. Son unha inspectora moi profisional. E nos derradeiros momentos é onde sempre atopas algo.
- E cousa atopache?
- Pois non exactamente, pero algo quedou máis claro.
- O que?
- Que a amiga de Carina, a de Coruña.
- Cucurrucucú.
- Si, a mesma. Pois ela tamén se facía a quirurxía dermoestética.
- Ma, onde?
- É asunto que non podo desvelar, amigo, porque forma parte do secreto do sumario. Eso si, podo decir que levaban a mesma coración de cabelos, a base de mechas case platino, e cáseque o mesmo corte de pelo.
- Un caso clínico de usurpación da personalità. Compartían varón, seguro.
- Vai, Ercole.
- Por suxerirmos, que non quede.
- Pura coincidencia.
- Pero, ti vas cear ou non?
- Si, que tes?
- Teño hoxe uns tagliatelle alla lepre, da morire.
- Non son as lebres ás que teñen os labios leporinos?
- Non teño idea, ma vexo que che afectou andare a Pereiró oggi.
- É que falarmos de siliconas é o que ten.
- Agora volto. Vou facercho. Queres un viño mentres tanto?
- Si. Si. O Barolo aquel non estaba nada mal. Por certo, sabes quen estaba alí que me sorprendeu?
- Quen?


CAPÍTULO 12
Se souber Andrés. Fiodor agarda por mín todos os días despois do traballo. Non sei onde traballa porque non mo quere dicir. Millor así. Millor así. Non sei. Pero ás sete sempre quedamos. Sempre nun lugar diferente. Onte no Kursaalon. Hoxe en Mariahilferstrasse, xusto a carón da igrexa, baixo a fontana. Hai hoxe un pequeno mercado de Pascua. Venden ovos decorados cun cordello fosforescente. Teño fame. Non me dá tempo para tomar unha bratwurst. Rui e Lourditas acaban de marchar. Pasamos moito tempo xuntos, pero cando quedo con Fiodor, eles vanse. Non lles gusta. Mirano raro. Raro, si, raro. Que é raro, que é sermos raros? Mira ti. Miña familia. Son filla única, vinculeira. Miña nai non quixo máis. Tampouco creo que o tentara. Nunca falei diso. Pero presíntoo. Entre miña nai e meu pai, sempre distancia. Nunca lles vin bicos ou agarimos. Tampouco berros. Silencio a meirande parte do tempo. Meu pai sempre estaba fóra. Marchaba cedo e viña tarde. Como Andrés. Algunhas veces viña a comer, pero, entón, apreguizaba no sofá media hora. Pero falaba pouco. Conmigo amosábase agarimoso, eso si, moi agarimoso. Unha pequena labazada na caluga cada vez que pasaba ao meu lado. Un bico na meixela, a deshora. Pero recórdoo sempre fóra. A traballar. Eso é raro. Coma o Andrés. Quen é o Andrés? Un pelanas. Declara amor eterno, mentres foza en mín, coma un torpe langrán. Está mal que o diga, pero así o sinto. Se souber Andrés. Hoxe estivemos Rui, Lou, eu, pola mañán no Naschmarkt. Vamos todos os sábados. Alí están os turcos que un día hai séculos foron expulsados de Viena: agora veñen cos seus dátiles, cos seus cordeiros halal, cos olores e sabores orientais, mentres os rosáceos austriacos beben viños verdes do Danubio en copa alta, acompañados dun pata negra conseguido por eses mesmos turcos que foron despoxados hai tempo e que nono proban. Eu nunca baixo máis alá do Kettenbrücke, pero Rui e Lourditas camiñan un pouco máis. Gustan de comprender, mentres admiran esas cores horteras Wagner nos edificios da Wiener-Bundestrasse, o comercio de peines sen púas, de zapato sen par, ou de espellos rotos entre os parias da terra que son, ao tempo, compradores e vendedores desas nadas. E din que Fiodor é raro. Se souber Andrés. Tamén digo. Fiodor está xa aquí. Baixamos cara Leiner, a tenda grande de mobles, cunha terraza no faiado, dende onde se ve (Fiodor di que non se ve, porque só hai tellados limpos e inhóspitos no horizonte) Viena. Paro antes en Claire’s para mercar unha funda para as gafas. Fiodor fica fóra. Quere fumar un cigarro, mentres dou unha volta pola tenda. Miro con impaciencia e merco, sen meditalo moito, un pequeno surtido de arracadas. Coma sempre, innecesarias. Cando estou a pagar, escoito un balbordo que ven da rúa. Miro para fóra e vexo a Fiodor mallando con fereza nun probe mendigo, mentres a xente ao seu redor, pídelle, bérralle, que o deixe. Dous homes logran impedir que siga a malleira. Saio rápido e pregunto. O mendigo, cunha trenka porcallenta e con farrapos de plástico, fica tendido na rúa ensanguentado. Só acerta a murmurar, coa sangue que molla os seus beizos, que lle pedira esmola a ese home, que ese home rexeitárao, que el só lle tocara cun dedo o lombo, que, eso si, adicáralle un bico, de brincadeira, mentres lle dicía gut, gut. Volvín para ver onde estaba Fiodor. Alterado, contemplaba a escea en silencio. Fun onda el. Quixen collelo polo brazo, pero apartou a mán, empurrou ás persoas que rodeaban todo e comezou correr rúa abaixo, como se fora a emprender un vó por riba dos tellados de Viena. Coas ás abertas e extendidas do seu negro e longo gabán.

19.12.07

CAPÍTULOS 7-9

CAPÍTULO 7
- Cun coitelo?
- Non. Non hai feridas, pero por que me preguntas iso?
- Por decir algo. Eu non che son parvo para isto das adiviñas.
- A investigación non é unha adiviña. Pero non estou para nada. Veño eiquí para esquecer, e ti preguntas.
- Está bene. Pero, xa sabes. A curiosità. Ademáis, cando hai sangue. É a deformación profisional dun cociñeiro. E ademáis manco.
- Saca daí esa man. Voucha tronzar.
- Compro outra, que esta xa vai mellada.
- Deixate de brincadeiras. E para quedo.
- Vexo que levas un día bó.
- Estou cansa. Viñen andando dende a comisaría, todo por Camelias, para despexarme. Estiven un rato mesmo mirando o mar dende o paseo, alí onda a oliveira. Pero non hai forma. Non son capaz de poñer orde na miña vida.
- Na túa vita ou no caso ese desa Carina Mourela, a MM, a Merda da Medalla esa que che trae toliña?
- Nas dúas cousas.
- Queres dicir que estorbo? Que disturbo? Dimo e desaparezo.
- Saca daí. Pero non son quen de atopar unha pequena luz neste intre.
- A Carina Mourela esa, como era, estaba esposada?
- Esposada? E iso?
- Casada, quero dicir.
- Era viuva. O marido morrera fulminante.
- E onde vivían? Aquí en Vigo?
- Si. Na rúa Venezuela, por riba do Corte. Pero el parece que morreu na vivenda que tiñan en Donas, aló por Gondomar, cara a Ramallosa.
- Unha familia de cartos, non si?
- Eso parece, pero a casa de Gondomar estaba aínda por rematar. E segue a estar, segundo souben. Falei cun tal Chamoso, que era o constructor que andaba coa casa, e díxome que tardaban algo en pagar. Claro que o Chamoso. Dixo que moi legal aquilo non era, e claro.
- Ilegale?
- Eso non ten importancia. Sobre todo por aquela zona. Ti xa sabes. Ou deberías sabelo, vindo de onde ves.
- Non digas máis. Pero, como ilegale? De que tipo?
- Semella estar construida sobre area do sedimento do río. Terra lacustre, protexida. Andiven a botarlle unha ollada aos rexistros do concello, pero non atopei gran cousa. Atopei outras máis graves, pero pasei, porque aquilo fedía máis da conta. Paseillo a Floren, pero non sei que ha facer.
- Nada. Seguro. Pero de que morreu o tipiño?
- Do corazón. Pón o informe. O atestado.
- Atestato? Entón, houbo investigacione?
- Non, pero foi case rutinario. Como tiña unha ferida na caluga, deberon ver a necesidade. Non din con nada relevante. Semella estrano, en todo caso. Non sei se terá que ver co de Carina. Ao tipo debeu de darlle un jamacuco no medio medio da escaleira de caracol. Que, por certo, tiñan pensado arranxar porque lles saíra elíptica en troques de circular. Mira ti a desgracia. Parece que foi alí a medila. O Chamoso ese debía e debe de ser un fenómeno da xeometría.
- Cáspita, menos male que ris. Queres cear algo?
- Algo si. Unha ensalada. Algo lixeiro.
- Unha caprese, con moita mozzarella. Como a ti che gusta.
- Lixeira; non me botes moito.
- E quererás viño, non? Podo abrir un Barolo que chegou onte, via valixa diplomática.
- Que valixa?
- Non me preguntes. Valixa, desvalixa. Que máis ten! Non preguntes. Arrivo súbito.
Covadonga quedou un anaco soa. Respirou fondo mentres contemplaba as fotografías de Xénova penduradas na parede. Reparou nun faro antigo que daba o nome ao local. Ao fondo, diante do forno, Ercole compoñía o prato. O pizzaiolo ergueu a faciana e levantou a voz:
- Oes, por certo, como se chamaba o ghicho ese que quedou aliviado para sempre nas escaleiras en Nigrán?
- En Nigrán, non. En Gondomar. Para que queres sabelo?
- Por pura e italiana curiosità.
- Chamábase Longinos Oliveira.


CAPÍTULO 8
Longinos Oliveira era un tipo simpático. Mesmo gracioso. Cunha gracia que procedía do seu pai, presidente dunha asociación en Pontevedra de Amigos Íntimos da Semana Santa de Sevilla, que todos os mércores santos conseguían balcón en Placentines para ver pasar a cofradía de La Lanzada. O pai, ateo por fe, era devoto dende que alí atopara por primeira vez, ao tenue resplandor das candeas e ao matiz embelecedor do veo do incenso, a muller da súa vida, a linda María del Dulce Nombre de todos los Santos e Mártires de Anatolia O’Donell Orfila, por disminución Dul, miña Dul.
Santiago Oliveira pretendeu sempre que o seu fillo Longinos adicara a súa vida a prolongar a teimuda resistencia paterna ao traballo. As rendas da familia O’Donell invertidas nun palacete, con palmeira e muradal añil, no medio dos xardíns, daban para manter, cun matrimonio de criados que atendían a casa e un chófer que preparaba a xarré, unha familia condeada a non medrar máis do estrictamente necesario.
Longinos Oliveira, abandoado a este dolce far niente, rexeitaba en silencio esa clase de vida. Non vía saída aceptable para as súas inquedanzas, pero puido atopar en Mingos Comesaña un motivo de ilusión e entusiasmo. Eran os dous ben novos e acostumaban pasear polos vieiros que nacían e remataban na Praza da Ferreiría. Entre aquelas rúas, de nenas loiras de tirabuzóns requeimados e mariños enfebrecidos por continuaren estirpes, decidiron cambiar de lugar, por veren de cambiar os seus costumes. Sería difícil convencer aos seus pais. E determinaron, ás agochadas, subir en Vigo ao seguinte paquebote que os levara a América, sen miraren siquera para onde.
No peirao de Vigo, afervoados pola multitude, Longinos e Mingos subiron ao Arlanza, rumbo a Nova Iork. Cando ían deixando atrás o faro da Guía e pouco despois, cando as liñas quebradas do perfil das Cíes eran só unha pequena sombra na lonxanía, sufriron un intre de nostalxia. Pero axiña o movemento doce das ondas e o vento do serán desterraron calquera reliquia de morriña. Na popa do trastlántico, coas pingas miudas da escuma que mollaban os seus rostros, sentiron un ardor intenso de emoción e medo; comezaba a escurecer e a noite semellaba unha incógnita terra con horizontes indefinidos.
Os días no barco parecían eternos, aínda que a travesía fora tranquila, exenta de maiores desacougos. Pasaban a maior parte do tempo no camarote en silencio, cunha ollada fixa moitas veces no ollo de boi enferruxado, cun cristal apenas transparente. Durmían pouco e parolaban da infancia, cunha certa desgana, case obrigados a falarense por matar a distancia que había entre eles.
Unha mañán, despois dunha semán de travesía, Longinos e Mingos espertaron cedo. Un pequeno ruxe ruxe que percorría os pasillos chamoulles a atención. Erguéronse ao tempo e dirixiron os pasos cara a cuberta. A xente comezaba a falar máis alto. Cando chegaron saíron ao ar libre e miraron polo babor. Entre a néboa perfilábase unha estatua ao lonxe. O barco foi parando pouco a pouco e ao tempo a poalla íase esvaecendo. Diante dos ollos de Longinos e Mingos que rebulían a dereita e esquerda con nervio inquedo, apareceu unha paisaxe de torres que desafiaban ao mesmo ceo. O trasatlántico virou á beira dereita e detívose diante do peirao 21, ao pe dunha ponte de ferro que cruzaban centos de coches de teitos oscuros. Mingos mirou para Longinos. Debia de ser a friaxe de mañán, pero creu ver bágoas na faciana do seu amigo.

CAPÍTULO 9
- Non sei que ha querer Cucú. Pero hei de ir. Hai tempo que non a vexo.
- Mama, lembra. Non fagas o parvo.
Carina Mourela rematou de maquearse: vermellón para as fazulas; fucsia para os beizos recén avultados e liñas cada vez máis longas aos extremos dos ollos para expandir miradas. Cada vez máis tempo ao espello, esculcado sempre con recelo. Tomou a autoestrada para Baiona. Poderia ir pola costa. Tiña tempo. Cucú levaba alí dende o domingo, pero quería aproveitar o día: o Talaso de Oia pagaba a pena.
María Jesús Lousada, Cucú dende nena da praza de Azcárraga de A Coruña, era amiga súa dende que compartiran aulas en Santiago na Facultade de Farmacia. Nos sete anos que pasaron en Compostela sen siquera rematar todas as materias de primeiro da licenciatura lograron dominar amplios territorios, todos eles concentrados entre Santiago de Chile e Santiago de Guayaquil, con longos periodos de conquista sistemática na República do Salvador.
Ambalas dúas conseguiron mozo axiña, pero de desigual compostura. Mentres Cucú se arrimaba a un estudiante de Medicina que gardaba o mesmo par de gomas que nunca empregaba no peto da gabardina e fachendeaba diso, Carina adoitaba deixarse querer por un chaíñas vido de Curtis que pregonaba posuir enteira a beira esquerda da súa vila lineal. Cartos tiñan os dous, diso se trataba, pero cando os catro compartían mesa para xantaren nunha pizzería da Praza de Vigo, arrepentíanse de inmediato.
Cando non estaban nin Fer nin Gonza, aquelas alfaias estudiantís, preferían os salóns do Aero Club. Alí, os mércores, unha grea de xoves, convenientemente engominados e con lixeiros bucles para remataren o lisísimo caír dos cabelos, acudía para depositar nelas ollos e o que houber menester. Estas soirées, descoñecidas para os seus mozos, Fer e Gonza, remataban polos Tilos, en chalés de espelidos xerifaltes, expertos en espir as almas daquelas santas compañas insatisfeitas.
Aquela troulada paralela, prolongada durante meses, só podía rematar, tras euforias enfariñadas, en casamento. Cucú acolleu a primeira goma do seu estudiante de Medicina, tan rico coma infeliz, e preparou bodorrio e berce; Carina intentou semellante empresa con Tony Curtis, coma ela lle chamaba. Gonzalo amaba a Carina: devecía por ela. A todas horas. Morría en angueira permanente por Carina. Pero herdades e, sobre todo, un indisimulado respeto polos cartos propios desbotaron unha decisión tan importante. Gonzalo rexeitou, con gran dor de corazón e ledicía de pensamento, a boda pretendida e díxolle adeus chorando dende a beiriña do bare.
O coche de Carina chegaba ao cruce do Rompeolas. Seguiu pola estrada da costa. O mar batía, cheo de escuma, as rochas. Chegou ao hotel. Acercouse ao mostrador e preguntou por María Jesús Lousada. Estaba xa na piscina de auga salgada quente. Marchou entón cara o vestiario e puxo o bañador. Colocou o albornoz sobre os ombreiros e calzou unhas pantuflas de plástico coa marca do Talaso. Levou o gorro de baño na mán, como un abano. Deixou todo na consigna. Enfatizou a súa cabeleira apermanentada cun xiro preparado de pescozo e dirixiuse cara a piscina. Antes de entrar, mirou, por entre o acristalado, onde podía estar a súa amiga. Cucú viuna. Axitou a mán dende o medio da piscina. Carina entrou no recinto, axustou o gorro con cuidado de non mancarse e baixou as escadas pouco a pouco. Cando a auga quecía os seus peitos, un raio de luz refrexada do mar ao lonxe invadía dun xeito irreal a escea.

18.12.07

CAPÍTULOS 4-6

CAPÍTULO 4
Parece un náufrago. Cando o vin por primeira vez deume pena. Por iso lle preguntei. Foi en Viena. Andaba de Erasmus. Na casa aquela da Marxergasse onde vivian aqueles de Ferrara. Unha festa. En outubro. Case ao principio. Non coñecía a ninguén: só a Lourditas, a monxiña que levaba aquelas saias de esparto, como dicía Rui. Saimos da Facultade e pasamos polo Prater. Ao serán. Lembro ben aquilo. A Lourditas, veña, veña, Paloma, rubimos a noria. rubimos a noria. Mira que carallo co rubimos a noria. Non era moi tarde, pero a mín, a verdade dábame medo. O Rui case cae, porque mira que é repunante a Lourditas para iso. Para outras cousas nada, pero para as atraccións. De Lugo tiña que ser. Mira que lles gustan as atraccións: non perdoan. Eu xa pensaba: esta non quere ir á festa e anda coa trouliña esa de rubirmos. O Rui, que é medio parvo, foi con ela. Eu fiquei alí no medio do parque. Facía aínda un pouco de sol. Tampouco moito, pero lembro que quedei durmida. Logo volveron: a Lourditas viaselle un pouco leda de máis. O Rui chiscou un par de ollos. Chegabamos tardísimo. Corrimos un pouco: miramos o número 26, o piso de Chiara, a rapaza de Pozzolengo. Fun alí un día: invitoume ela. O pai era gondoliero: eu sempre pensei que os gondalieros eran solteiros. Vaia parvada. Pero penseino. Miramos os buzóns: Chiara Martinelli, no segundo andar. Estabamos xa subindo as escaleiras cando petaron á porta da entrada. Din a volta. Foi Rui abrir. Alí estaba o ghicho. Un tipo cavernoso, de barba picuda e fronte ampla. Retirouse un pouco da porta para deixar pechar. Non dixo nada. Tiña uns ollos azuis, claros, case brancos, transparentes. Despois dixo Lourditas que parecía Rasputín. Non. Parecía Dostoievski. Eso quería ser. Quería ser Dostoievski, pero non chegaba a Rasputín. Non sei. Deume pena. Iso sí. Parecía un náufrago. El seguía camiño. Lourditas, a monxiña, preguntoulle, nise imposible alemán dunmesenviena, se subía á festa. Baixou a cabeza dun golpe e subiu con nós. Pregunteille o seu nome. Fiodor. Cómo. Fiodor. Tardei en entendelo porque falaba para abaixo, para os banzos. Fede, chamouno Rui. O Rui. El sorriu. Pero pouco. E rubiu, como di Lourditas, en silencio. Chegamos á casa de Chiara. O balbordo metía medo. Abriron a porta. Non sei quen. Debía de estar alí toda a mocidade vienesa en pé. Pedimos paso. Entramos. Collín a Rui polo brazo; Lourditas entrara axiña e perdéraa de vista. Non atendín para ninguén. O Fiodor desaparecera. Chamarame a atención. Quizáis o seu aceno mouro. Un pouco toupa, dicía Rui. Mireino entrar, non moi decidido, cara a ningures, pero xa non estaba. Deixeino por un momento. Busquei as bebidas. Música electrónica de tenda trendy, clubeira. Non era o meu, pero daba boa banda sonora. Levantaba os ollos cada vez que saudaba e ao tempo metía un sorriso fugaz. O Rui quedara cuns tipos de Bohemia no segundo cuarto, devanando canutos. Chiara levantou unha man ao final da cociña, perto da terraza. Eu levantei a miña. Chiara deume a benvida cun berro silencioso, facendo cos beizos e de lonxe a palabra ciao. Co dedo sinalou a pota do cóctel e o aparello para botalo nos vasos de papel. Fun decidida. Apartei, como puiden, a xente. Cheguei onda a táboa. Busquei o cullerón e amorreime á pota. Cando entrei naquela balsa doce de cor verde, atopei o seu brazo. O brazo de Fiodor. Levantou a ollada. Mirou para mín. Pasmando. Eu supoño que tamén. Metín de novo o cullerón na pota. El fixo o mesmo. Ambolos dous en silencio. Presentín a tormenta, pero non fixen nada para detela.

CAPÍTULO 5
O pizzaiolo era manco. Da man esquerda. Tiña unha prótese de porcelana para as grandes ocasións, un pouco eslavaxada. Pero prefería o muñón ben limpo para traballar con xeito a masa da pizza. Para aventala e virala por riba da cachola ou para inzala de mozzarella, servíalle a outra. E para metela e quitala do forno, coma un cabaleiro coa súa lanza, trababa ben a pá baixo o brazo e acompañábaa co corpo ata colocala no lugar xusto a carón do lume.
O pizzaiolo chamábase Ercole. Ercole Bompiani. Dos Bompiani de Rapallo. Unha das focaccierias máis nomeadas, situada debaixo da torre do reloxo, na praza central da vila. A Ercole a focaccia saíalle ben, pero Rapallo semelláballe curto de máis e os Bompiani, demasiado correctos para desventuras persoais. Non tiña angueiras de seu, pero retratarse detrás do mostrador por unha vida enteira resultáballe inquedante.
O pizzaiolo tiña un amigo bagnino na praia de Minaglia. Giacomo era dono da concesionaria do caseto que servía comidas e alugaba sombriñas durante o verán. Ercole pasaba as tardes naquel recuncho de Santa Margherita Ligure, coa sola ocupación de axudar a Giacomo a recoller as hamacas ao final do día. Ao solpor, coa mirada posta na plataforma de plástico de onde se chimpaban os nenos que aínda ficaban na area, soñaban con liscar dalí coa primeira oportunidade que aparecera.
O pizzaiolo atopouna cedo. A compañía de trasatlánticos Cunard precisaba con urxencia dunha ducia de cociñeiros para o traxecto de regreso a Southampton do Queen Mary 2 dende Civitavecchia. Unha enfermidade a bordo minguara o persoal da cociña e houbo que botar man en Rapallo de alguén preparado para a ocasión. Nunca montara en tal cousa. Tan só en pequenos yachts para visitar San Fruttuoso e botarse ao mar naquelas augas azuladas das pequenas enseadas de Paraggi.
O pizzaiolo viu aquel monstro ancorado no medio do mar. Subiu a unha barca e partiu do porto de Rapallo suxeito á proa. O vento suave movía os cabelos; o sol brilaba ao lonxe, a piques de deitarse. Mirou para terra, toda ela afastada de casas brancas xusto ata o pé das montañas que subían bruscamente sobre a baía. Despediuse en silencio, antes de poñer un pe nas escadas de corda que levaban ata o interior do trasatlántico. Non tivo tempo de lembrarse de nada, porque foi directamente á cociña a estonar cenouras e ferver chícharos para a cea de pork pie and suited vegetables que agardaba nos salóns recén estreados daquela mole mariña.
O pizzaiolo non era manco ao saír de Rapallo. Pero quedou manco ao pouco de saír de Lisboa. Foi mala sorte. O pizzaiolo repetía, foi mala sorte. O corte profundo non parecía grave, pero a infección medraba. Non houbo remedio. A gangrena era inminente. Seccionar era obrigado. Pararon en Vigo. Baixárono do barco. Foi á Hospital. E alí cortaron. En Vigo quedou a man de Ercole, o pizzaiolo de Rapallo. Para Ercole era un sinal, un verdadeiro índice: onde ficara a mán alí el ficaría. A mán ficou en Vigo; en Vigo ficou Ercole.
O pizzaiolo axiña atopou traballo na pizzería de Enzo, un xenovés que rexentaba un pequeno local na rúa Pablo Morillo, a carón do mar. Traballaba dentro, na cociña, coa preparación da masa da pizza. Un par de meses despois, Enzo vendeulle o negocio. Agora era o xefe e pasara a facer as pizzas á vista de todo o mundo.
O pizzaiolo estaba só aquela noite de choiva e vento. Entrou unha muller, con paso canso, quitou a gabardina e ficou na entrada. O pizzaiolo pediulle, coa man que lle quedaba, que se achegara onda el, perto do forno.
- Desexa cear?
- Si, prego, contestou Covadonga.

CAPÍTULO 6
Andrés saía tarde do choio. Eso de saír tarde era sempre mentira. E o do choio tamén. Paloma sabíao, pero dáballe todo polo saco. Antes non. Antes aínda lle amolaba. Pero agora, qué máis ten. Total. Estaba ben así: ela prefería que saíra tarde do choio. Fora ou non verdade. O choio, ou non, era por Puxeiros. Nunha desas naves agochadas, de calellón sen saída, nun deses parques industriais frolecidos ás beiras das autoestradas sen xeito. El dicía que era traballo de prelo, pero para o bemeuve que tiña era moito dar os libros. El dicía que si, que os libros dan. Que non había libro malo, que todos daban. El dicía que co que lle pagaban por subvención dáballe para pagar a luz e, polo visto, o bemeuve. Pero el dicía que era choio bó. Traballaba para a universidade e a universidade sempre ten. Sempre. Pouco, pero ten. E, ademáis, el dicía que a vaidade era o mellor agasallo: os profesores non cobraban moi alá pero gustáballes fachendear de libros. E el dicía que lles facia os libros e poñíalles ben ergueitos os seus nomes nas portadas. E dicía que liscaban dalí coas caixiñas máis ledos ca outra cousa. El dicía que falaban raro, pero non facia falta entendelos. El dicía que aquelo era o seu choio: o de cobrarlles, porque el nin de tipografía, nin de papel, nin de informática tiña puta idea, pero de cartos contaba. Por alí el non ía moito, pero saír tarde sempre saía. Fora ou non verdade.
Paloma esperábao na cervecería da Praza de Compostela. Empoleirada naquelas cadeiras de altura, lía o xornal aborrida. As cañas con limón gustábanlle moito, pero xa levaba tres e o Andrés non chegaba. Xa eran as nove. Nunca tardara tanto. Soou o móvil. Non era Andrés. O número de Fiodor. Deixou de soar o teléfono. Unha chamada perdida. Volveu chamar. E volveu parar. Paloma intentouno varias veces, pero non acadou a chamada. Ficou preocupada. Pero pouco tempo, porque pola porta entraba Andrés, coas chaves e o móvil na man dereita e unha pequena carteira na esquerda. Levaba sobre os ombreiros un pulover malva, enlazado cun nudo windsor. Medio ocultaba unha camisa de raias verticais e cores pálidos, aberta polo peito, de onde penduraba unha cadea coa cruz de Calatrava. Deixou todo na mesa e peiteou os seus cabelos cos dedos extendidos da mán para deixalos por detrás da orella.
- Perdoa. Saín tarde. Un viaxante deume o coñazo a última hora. ¿Con quen falabas?
- Con ninguén. Era unha chamada perdida. Non son quen de recoñecer o número.
- Deixa ver. Non sei. Volve chamar.
- É igual. Ha volver chamar. Que tal ti por arriba?
- Ben, pero mañán teño que ir a Porto todo o día: unha máquina nova. Bo, non nova, pero case nova, que teño que ir ver. Non sei se quedar, porque é pola tarde a entrevista. Non sei.
- Podes ficar alá, se queres. Eu mañán teño que ir con miña nai ao médico
- Ao médico? E logo, que lle pasa?
- Nada. Uns retoques.
Paloma sorriu e colleu sen ganas unha pataca frita. Andrés quitou a man do peto e acariñou o seu cabelo. O anel de falso ouro enguedellouse. Bicou a súa fronte. Con aloumiño sereo. Mentres a bicaba, buscou por riba da súa cabeza un rostro familiar. Un home ao final do bar enarqueou as cellas e abaixou a cabeza. Andrés asentiu serio o aceno, mentres se alonxaba do rostro de Paloma. Paloma volveu sorrir. Tomou un grolo. Mirouno con agarimo: gustáralle o bico. Fora ou non de verdade.

17.12.07

CAPÍTULOS 1-3

CAPÍTULO 1
A silicona mancáballe nos beizos. Pasou a faciana polo espello e viuse coma un chuchamel. O dermoestético chimpou da cadeira e arrodeu a mesa.
- Dez anos menos, amiga. Parece a súa filla.
A filla fitou á parede. Reparou na orla de Medicina.
- ¿Estas cicatrices, han quedar?
Puxo o dedo na chaga de detrás da orella.
- Señora Mourela, faga o favor. Esta clínica acredita centos de operacións sen problema algún.
- Eso quixen pensar, pero doe.
- Eses son os dous primeiros días. Tome un tranquimaziño e xa verá. Veña por acó o venres e veremos por lle sandarmos a incisión retroauricular.
- E para os beizos.
- Manteiga cacao a mazo.
A filla riu co verso do dermoestético. Botou outra ollada para a parede, mentres escoitaba a súa nai despedirse. Aínda lle deu tempo para ler o nome do médico: Lourenzo Castrava. Mirou para as orellas da súa nai.
Baixaron. O ascensor cheiraba a betadine. A nai apenas abria a boca. Ou porque non podía ou porque o espello era cruel con aquela frol enchida debaixo do fuciño. Soaba Semen Up no fío musical do edificio cando chegaban ao portal.
Fóra ía unha friaxe impropia do mes de abril. O ceo estaba limpo, pero un nordés, peneirado polos altos edificios de García Barbón, fería a pel. A filla, Paloma, despediuse. Carina Mourela non escoitou o adeus, porque a dor nos beizos íalle mal. Puxo a pasmina fucsia pola boca e dirixiu os pasos para a casa. Quería chegar canto antes, tomar o tranquilizante e botarse a durmir (boca arriba, recorde, boca arriba) ata o día seguinte. Pasou pola beirarrúa do bingo. Cando ía xa polo medio, apurou o paso, non fora que Viki, a da caixa, a parara, como facía sempre. Seguiu con paso firme pero coa man na boca, porque sentía que os labios subían e baixaban libres dende o beco ata o pico do nariz. Cruzou o semáforo. Saudou á da mercería Alonmar, que non a recoñeceu. Continuou ata a parada de taxis. Vivía na rúa Venezuela, por riba do Cabalo Vermello. A dor medraba e tiña ganas de deitarse.
- Atópase ben, señora?
- Pois non moi ben, a verdade.
- Quere que a leve ao hospital?
- Non, por favor, léveme a casa.
- Ven da termostética?
- …
- Non é a primeira que levo. A última que levei caiu desmaiada no coche e tiven que conducila a urxencias. Non sei se morreu, pero mala cara levaba. A mín pareceume que non respiraba. Pero non quixen saber nada.
Como Carina Mourela non era quen de respostar nin de abrir a boca, o taxista lembrou os derradeiros intres dunha rapariga nova que ficou no taxi. Para sempre.
- Pero non era da clínica. As da clínica veñen pálidas, cunha palidez de morte, eso si. Pero para mín que son baixadas de tensión. A un colega dalí, da parada, a unha muller. Así como vostede, máis ou menos. Reventáronlle os puntos. Pero, bó, non lle pasou nada.
Carina Mourela tapou o rostro e mirou para a rúa. Aínda ían por Urzáiz. Tratou de non escoitar, pero sangue, pano, desmaio, morte, hospital, puntos seguiron soando con distinta orde nos seus oídos. Subía a Gran Vía; quedaba pouco para chegar. O taxista, que virou pola rúa estreita de Ecuador, freou bruscamente. Saiu do coche. Carina non aturou máis: deixou un billete de cinco euros no asento traseiro e saiu tamén do taxi camiño da casa. Mareada, alcanzou a beirarrúa. Un pequeno ar entre rúas víñalle ben. Os últimos metros foi cos ollos case fechados, coma un autómata. Con desexos de botarse sobre a cama.
Entrou no portal e subiu os primeiros chanzos ata o ascensor. Detrás dela alguén entraba no portal. En silencio. Carina Mourela volteou para mirar. Aquel día, pensou, non era un bó día, sen dúbida, para cambiar de look.


CAPÍTULO 2
Covadonga chegou a Vigo en inverno. Á comisaría de López Mora. Era un mal día, un pésimo día aquel no que entrou polo xardín ben cuidado do edificio. Atravesou por entre unha chea de xente que agardaba por un permiso e chegou onda o funcionario da entrada.
- Son Covadonga Contrueces.
- Si. Pase. Están agardando. Ve aquela porta do final? Entre. Sen problemas.
Deulle as gracias e encamiñouse cara o final. Notou unha estrana efervescencia nas salas ateigadas de oficiais, en aparente desorde e rebumbio. Chegou á porta e bateu nela. Entrou. Era unha sala ampla, separada do exterior por un mostrador un pouco alto. Atopou a dúas policías agochadas tras a barra. Preguntou. Sen levantaren os ollos da táboa, indicaron un punto ao final dun pasadizo de mesas e ordenadores. Non había ninguén no seu sitio. Entrou por unha porta batente con certo recelo e enfiou a sala. Puxo atención no terrazo do chan e no roido chapacumen das mesas. Mentres camiñaba, repasaba fugaz os documentos que ía deixando ao seu paso, co propósito de familiarizarse co lugar.
Vigo era o destino menos malo. Non era dos últimos, pero tampouco o primeiro. O pai de Covadonga Contrueces era militar: fachendeaba de espíritu guerreiro, malia non ver nos trinta anos de servicio máis liorta cás derivadas da consuetudinaria afección á libación gintónica daquel capitán Martínez da caixa de reclutas de A Coruña, aló polos finais dos 70. Ainda que non chegara máis cá alférez xa ao final por resistente máis que por meritaxe, inculcou ás súas tres fillas, as Contrueces, unha disciplina férrea. Máis ben ferruxinosa, porque elas, despois de que o pai marchara para o cuartel, dábanse á boa vida polos vieiros miudos do campo de san Francisco de Oviedo, con visitas á famosa osa Petra incluidas, e aproveitaban o tempo con troula a cotío. Coma o pai non aguantara máis, plantexoulles dúas vías: a civil (matrimonio) ou a militar (traballo). Covadonga elixiu a segunda opción e preparou, con poucas ganas, as oposicións a policía, con sorte tan revirada coma ter de presidente do tribunal a un amigo íntimo do seu pai e, sobre todo, da súa nai que apreciou sinais asombrosas nos seus exames.
O primeiro destino foi Valladolid. A cidade non estaba mal, pero adestrar cans para a droga nunha finca do alfoz non era precisamente o seu ideal policiaco. O frío intenso do inverno castelán fixo o resto: pediu traslado e tocoulle Valencia. Entrou naquela comisaría por san Xosé e saiu por Semana Santa: ser escolta, así de súpeto, da falleira maior foi concluinte. Cando rematou a mascletá, debeu ter unha cara que a mesmísima comisaria xefa do Levante enteiro decidiu ofrecerlle unha saída. Estivo varios anos en Vejer de la Frontera, moi ben considerada. Era pobo tranquilo e ben fermoso, pero ao cabo botaba de menos un pouco de orballo polas mañanciñas. E volveu pedir. Vitoria foi o seguinte destino e alí conseguiu fama de ordeada e traballadora. E se non for porque o policía aquel de Vitigudino, compañeiro seu, volcárase (literalmente) nela na pescuda da noite alavesa, seguiría alí sen dúbida algunha. Un par de meses en Venezia, co questore de Treviso, o comisario Brunetti, cunha bolsa do Ministerio para afianzar relacións coa Interpol e, sobre todo, para afastarse un tempo daquela derrota vitoriana, non foi suficiente para mudar de opinión e solicitar un posto máis perto do seu Oviedo familiar.
Chegou á porta. Petou. Entrou. Alí estaban varios homes que voltearon para mirala. Un deles levantou os ollos.
- ¿Inspectora Contrueces?


CAPÍTULO 3
A praia estaba deserta e o mar bañaba a súa pel. Isabel chegara ás 10 da mañá, aínda coa calima entre os piñeiros. Buscou un recuncho nas rochas e deitou o seu corpo ao sol morniño do día. Pechou os ollos, sacou a parte de arriba do bañador e deixou estrados os peitos polo bandullo. Quedou medio durmida, co enchoupar lento da auga na area.
Dalí a un cacho chegou Cundi. Silencioso, puxo a toalla a carón de Isabel. Sacou o chándal do Celta, agasallo dos netos por nadal. Arremangou o bañador. Novelou a perneira e suxetouna contra a goma. Mirou ao horizonte, para a torre ergueita de Toralla, e quitou da bolsa do Eroski o xornal gratuito. Pasaba as follas con cuidado e de vez en cando pasaba a mán polas cicatrices do esternón. O sol comezaba a quecer a cachola e decidiu coller a viseira de Construccións Dios. Nese intre Isabel espertou.
- Comezaba a pensar que non viñas.
- Tamén eu. Pero xa ves. A piscina de Teis hoxe andábache chea. E cando vin o Marc Spitz da Trave, xa dixen: vou para Samil. Para que me bote da rúa cando nada de costas e me dea palmetadas!
- O 10 ten que estar a piques de chegar. Chon e Manoli chamaron hai un momento. Viñan para aquí. Seica Chon non ten que termar do meniño da filla. O outro día andaba tola. Para mín que a filla éche ben espelida. Porque ainda a vin polo Corte dándolle ao pico e a Chon por aí a sacarlle mocos ao neno. Digo eu que para iso pode darlle a patria podestar.
O horizonte estaba calmo. Non corria nin pinga de brisa, pero eles arremetianse polos cons da praia por aproveitaren mesmo a calor das pedras. A pel de Cundi era de pergameo. A de Isabel escamaba sen remedio, por moito aceite de oliva que lle botaba.
-Aceite de Oliva. Esas cremas non valen. Á miña filla dábanlle aceite para os peitos cando deu a luz.
- Si, pero de améndoas, non de oliva.
- Que máis ten. Olivas, améndoas. Os peitos sonche ben agradecidos.
Para Cundi, a sentencia final sobraba. Pero non lle deu tempo a asimilala porque baixaban pola area abaixo de Samil aquelas ninfas louras que agardaban.
- Menos mal. O vitrasa hoxe levounos por non sei onde. Están outra vez abrindo a rúa para o gas, a luz ou para eu que sei. Veño mareada. Vou deixar esto por aquí e vou dar un paseo.
- Vou contigo.
- Vamos todos.
Recorreron toda a praia: ata o Lagares e volta. A conversa transcurría cíclica: dos fillos (desagradecidos) ás pernas escangalladas; das citas previas para consultas previas aos netos (agradecidos, pero tiranos); dos cuñados (insoportables) ás operacións (aprazadas para anos bisestos); da tensión (alta ou tola) ao xantar do domingo (co pailán do xenro). A política chiscaba de cando en vez a noria. Un par de mortes veciñas ofrecía oportunidade para o aceno severo; durante breve tempo, porque, de novo, familia e saúde recuncaban no diálogo.
Cundi daba pequenas carreiriñas de can, co propósito de probarse e probar. O ton atlético seducía a Isabel, pero a artrite mentía a súa preparación. Disimulaba a dor, por non dar explicacións. Pero a perna fallaba. A perneira do bañador baixaba, pero el sempre atento colocábaa por riba da cadeira. Nunha flexión con risco de lesión crónica, quedou parado. As mulleres seguían na conversa. Cundi aproximouse á ribeira e foi detrás dunhas pequenas rochas da praia. Cando chegaron Chon, Manoli e Isabel onda alí, Cundi pasmaba diante dun novelo de farrapos que agochaba o corpo morto do que un día foi unha muller. No pescozo penduraba unha medalla: na medalla brilaban unhas iniciais: CM.